Friday 26 de April de 2024

O Ciclo da Xunta “O País das Bandas” chega o xoves a Betanzos coa Agrupación Municipal de Abegondo


A iniciativa, enmarcada na programación cultural do Xacobeo, ten como obxectivo impulsar a recuperación da actividade das bandas na Comunidade

O ciclo O País das Bandas, promovido pola Xunta e a Federación Galega de Bandas de Música Populares no marco da programación cultural do Xacobeo 21-22, chega o xoves a Betanzos, cun concerto da Agrupación Musical de Abegondo. A actuación terá lugar ás 20,00 horas na Praza de Uxío Novoneyra.

Con máis de 50 compoñentes, esta formación musical xestionada pola Asociación Agrupación Musical de Abegondo presentouse en 2012. Baixo a batuta de Pablo Álvarez Rodríguez, o repertorio previsto para o xoves inclúe as pezas O chopo, C’est si bon, Noites de lúa na praia, Banda de Abegondo e Latin Medley. Soarán tamén Rolandito, La Rodana e A lenda de Montelongo.

O País das Bandas arrincou o pasado 1 de xullo e percorrerá Galicia con case un cento de concertos a cargo de 77 agrupacións que suman máis de 3600 músicos. O obxectivo é impulsar a recuperación da actividade das bandas na Comunidade, como grandes depositarias da tradición musical galega.

A iniciativa desenvólvese ao abeiro do acordo asinado o pasado maio entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Federación de Bandas, mediante o que a Xunta cuadriplicou a súa colaboración con este colectivo, cunha achega de 400.000 euros.